Non por repetilo cansareime de pedir que vos anímedes a escribir algo ou facer comentarios. A veces penso que non merece a pena seguir con este proxecto.





Este 2 de xaneiro cúmprense 95 anos do naufraxio do vapor-correo Santa Isabel, que embarrancou nos baixos de Sálvora en 1921 ocasionando a morte de 213 persoas, delas 64 nenos. O aniversario é aproveitado por un grupo de alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago para a realización do documental ''A lenda do Santa Isabel''.
O guión da reportaxe mistura tradición e historia e así se une a lenda de Mariña e a historia do naufraxio do buque. O documental recolle a morte de Roldán e como a serea Mariña decide regresar ás profundidades das augas de Sálvora. Antes bota unha maldición: o primoxénito de cada liñaxe dos Mariño debe ser entregado ao mar onde morrerá afogado. Os autores do documental fan a conexión co naufraxio do Santa Isabel onde faleceron boa parte da pasaxe e da tripulación e do que unicamente se salvaron 56 persoas.
O documental recolle a lenda como simbolismo da cantidade de xente que morre no mar e o pesar que causa nunha comunidade que vive del como é a destas costas. De feito, a reportaxe remata coa seguinte pregunta retórica: Cal é a familia desta comarca que non ten mortos no mar?. Na reportaxe interveñen Xosé María Fernández Pazos, historiador, xornalista e mestre, autor do libro “Sálvora, memoria dun naufraxio. A traxedia do Santa Isabel”, texto no que se recuperou hai caseque 20 anos a historia do naufraxio e as lendas da illa ribeirense; Antonio Piñeiro, profesor, escritor e historiador, Pura Fernández Gude, sobriña de María Fernández Oujo, unha das heroínas de Sálvora e Manuel 'De López' e Silva, dous mariñeiros xa retirados da comarca. O documental empeza e remata falando sobre o mar e o seu simbolismo. As entrevistas foron feitas no Porto de Aguiño, no Faro de Corrubedo, no Porto de Palmeira en O Castro en Castiñeiras. Tamén foron gravados planos na Illa de Sálvora, na Praia da Catía, en Corrubedo, en Palmeira, en Ribeira, entre outros lugares.
Antonio Mosquera Montoya, Ana Rial Maneiro, Iago Sánchez Caridad, Laura Seijo Vigo, Pablo Montero Castro, Pablo Portela Rodríguez e Sara Pérez Seijo.