Paxina

20140325

20140325 Programa Ribeiras da Tvg

As historias persoais das xentes do mar galego volverán asomarse este luns á pantalla da TVG cunha nova entrega do programa "Ribeiras", que hoxe viaxará aos portos de Ribeira e A Guarda, onde atopará dúas persoas moi coñecedoras da nosa extensa cultura marítima, o que dará como resultado un programa cunhas fondas raíces culturais.

En Ribeira, os espectadores coñecerán a José Antonio Pérez, que, ademais de mariscador, é o patrón maior. José Antonio vai ao marisqueo a flote, á extracción da ameixa, e traballa co seu cuñado. Na xornada que compartirán co equipo do programa van ter un contratempo, xa que a un dos raños cos que traballan vaille partir a vara e quedar no fondo do mar, co que o froito do traballo dese día pode acabar no mesmo lugar. Dentro do malo, isto sucédelles cando xa estaban rematando a xornada e dálles tempo a facer boas capturas.

Por outro lado, "Ribeiras" asistirá na Guarda a unha xornada na vida de Carmen Baz, que se inicia abrindo o seu restaurante e atendendo os provedores para ter todo a punto cando chegue a súa nai, que foi quen montou xunto co seu home o restaurante, onde hoxe é a cociñeira. Ademais, o programa coñecerá o irmán de Carmen, Tino Baz, un home destacado na música tradicional galega. Esta paixón venlle de seu pai, que foi mariñeiro e un amante da música popular, algo moi habitual nas xentes do mar.

No hay comentarios: